viernes, 28 de octubre de 2016

a miN nON Me ComaS (e outras lecturas)

Para estes días recoméndovos estas lecturas:



 

A min non me comas! Margarita del Mazo e Vitali Konstantinov. OQO
Indo para Samaín. Carlos e Sabela Labraña Barrero. Everest
A sombra do gato e outros relatos de terror. Concha López Narváez. Alfaguara
Cando petan na porta pola noite. Xabier P. Docampo. Xerais

E tamén estas curtametraxes que puidechedes ver hoxe na BiblioBarouta:




Boas lecturas!








E chegou o día!

Rapazada! Chegou o día da celebración do Samaín no CEIP Barouta. Para esta celebración, como xa sabedes quixen decorar a BiblioBarouta para animar ás actividades que os mestres e mestras prepararon, coa axuda de EDL. Ratos, esqueletos e morcegos compartiron este día con todos nós na biblioteca!



Lola contoulles unhas historias tradicionais aos máis cativos de primaria. María... ía... ía...


Vito preparoulles outra historias para todo Infantil.

E os resto vimos algunhas curtametraxes de terror...


Ademais de deixar as apócemas para escorrentar o medo.

Logo disto saímos ao patio onde estaban todas as nosas cabazas, escoitamos un conxuro que fixeron os maiores e cantamos as cancións que preparabamos. Todo divertido e arrepiante á vez...




Pasadeo ben nestas festas; asustade moito á xente... e Boas lecturas!

jueves, 27 de octubre de 2016

Samaín

Pantasmas, bruxas e ratos invadiron a nosa BiblioBarouta!!!

          

Mañá celebraramos o Samaín na nosa escola e haberá moitas sorpresas detrás desta porta...


Se queredes vir até aquí seguide as frechiñas laranxas. 


Boas lecturas!!!

miércoles, 26 de octubre de 2016

Novidades e recomendacións do Samaín

Déixovos algunhas recomendacións de libros sobre o Samaín que podedes atopar na BiblioBarouta. Estas son algunhas novas adquisicións para Educación Infantil.



Como vedes, o libro El tren de los monstruos é para ler na escuridade!!!


Mil años de cuentos de miedo. Varios autores. Edelvives.
Fantasmas no corredor. Agustín Fernández Paz e Óscar Villán. Merlín.
Cuentos de ogros y brujas. Varios autores. Edelvives.
Las brujas. Roald Dahl. Alfaguara.
Quen lle ten medo á bruxa. Fanny Joly. Xerais.
A bruxa regañadentes. Tina Meroto e Maurizio A. C. Quarello. OQO.
Corre corre cabaciña. Eva Mejuto e André Letria. OQO.
Regreso al Reino de la Fantasía. Gerónimo Stilton. Destino.
Tamén temos... toda a colección O baúl dos monstros de Baía Edicións.

Vémonos na BiblioBarouta! Boas lecturas!

martes, 25 de octubre de 2016

Moito maxín, no samaín!

Agora que xa queda pouco para o Samaín quero ensinarvos a canción que imos cantar entre todos para que a vaiades practicando. O tema é: No Samaín de Paco Nogueiras, do libro Brinca Vai; libro que por certo, está na nosa Biblioteca.


Brinca Vai. Paco Nogueiras. Kalandraka.




Practicade moito e boas lecturas!

Grande día na BiblioBarouta

Ola a todos e todas. Estou moi contento porque parece que o pasáchedes ben onte na BiblioBarouta. Hoxe había moitos nenos e nenas que viñeron emprestar libros para levar a casa; moito alumnado tamén quedou na hora do recreo para consultar algúns fondos. Foi un día moi bonito, grazas.


Por outro lado estou un pouco triste porque onte vos pedín que me dixerades que libro estabades a ler e ninguén escribiu ningún comentario. Por favor, mozos, mozas, cal é o libro que estades a ler?

Apertas  a todos e boas lecturas!

lunes, 24 de octubre de 2016

O homiño de papel

E se queredes lembrar a historia que contamos hoxe... aquí tendes a historia O homiño de papel.


O homiño de papel. Fernando Alonso. Everest.



FELIZ dÍA iNTERNACIONAL dAS bIBLIOTEcas!!!!

Hoxe, como xa anunciei estes días, é o Día Internacional das Bibliotecas. Así que FELICIDADES!!!! á BiblioBarouta!!! e a todos os usuarios e usuarias da BiblioBarouta e todas as bibliotecas!
Hoxe invitei a todos os alumnos e alumnas e aos seus mestres e mestras á BiblioBarouta. Explicamos algunhas cousiñas da biblio: como facer o empréstito e a devolución, as cores novas de cada nivel, a zona dos libros sobre o horto que temos... moitas cousas!
Logo disto, o dire Alonso contounos a historia de O homiño de papel. Foi moi bonito e moi divertido! Grazas.


Ao final, descubrimos algunhas das palabras bonitas que, como o homiño, nós propuxemos para que quedasen na BiblioBarouta para sempre.

    

Tamén levamos unha carpeta coa cor do noso nivel e un marcapáxinas. No marcapáxinas levaba o noso nome, a nosa imaxe e o noso código.

Só queda desexarvos boas lecturas e agradecervos a visita!

Por certo, hoxe é un día marabilloso para que me contedes que libros estades a ler... queredes contarmo?

domingo, 23 de octubre de 2016

Novidades

De cando en vez ensinareivos algunhas novidades ou recomendacións dos fondos da biblioteca. Estes días estiven buscando algúns dos títulos que máis me gustan; tamén outros sobre outono e as festas que temos nesta época como Samaín ou Magosto. Tamén fun mercar algúns libros novos para completar coleccións que xa tiñamos comezadas como: Kika superbruxa!

Diario de Greg. Un pringao total. Jeff Kinney. RBA Libros.
A avoa do Ceo. Anna Lavatelli. El patito editorial.
Monstruos para troncharse. Myriam Sayalero González. Vos.
O valente coello que quixo soñar. Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso. Nova Galicia Edicións.
A nena á que non deixaban ser feliz. Miguel Ángel Alonso Diz.
Jacobo Lobo. Paul Van Loon. SM.
Busca y encuentra en el mundo. Thierry Saval. SM
Astropal. Un cometa con corazón. José Julio Fernández Rodríguez. Hécules ediciones.
A escada vermella. Fernando Pérez Hernando. Kalandraka.


Estade atentas e atentos que todo isto está na nosa BiblioBarouta listo para vós!

Boas lecturas! e lembrade, o luns...


jueves, 20 de octubre de 2016

Bibliotecas diferentes

Todos e todas coñecemos unha ou varias bibliotecas. Estamos afeitos a un libro nunha estantería, a ver xente lendo, ás librarías. Quero que vexades como son moitas das bibliotecas por onde viaxei e onde teño moitos amigos e amigas, por iso deixei algunhas imaxes polas escaleiras que van ata a BiblioBarouta. Espero que as esteades disfrutando. Que diferentes son, verdade? Que diferentes somos.

Biblioteca de Sttutgart (Alemaña)

Biblioteca Maart, Tokio (Xapón)

Biblioteca Nacional (China)

Biblioteca real do gabinete portugués, Río de Janeiro (Brasil)

Biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia, Santiago de Compostela 

Biblioteca da Universidade de Salamanca

Biblioteca de Vancouver (Canadá)

Biblioteca Vennesla (Noruega)
Biblio móbil (India)
Biblioteca John Rylands da Universidade de Manchester (Reino Unido)

Boas lecturas!

martes, 18 de octubre de 2016

Empréstito

Como vos dixen onte aquí vai a nova circular sobre o empréstito. 

Tendes que ter en conta que o empréstito e devolución só será na hora do recreo; noutro momento non teño a ningún mestre ou mestra que me axude. 


lunes, 17 de octubre de 2016

Algúns cambios que estou facendo.

Como xa vos dixen, estou facendo algúns cambios con respecto ao curso pasado. 

As cores que había até o de agora para indicar as idades orientativas dos libros cambiaron. Agora seguiremos o que dispón a CDU. (A outra organización tamén estaba ben pero así nos axustamos á clasificación decimal universal).


Estou poñendo pegatinas a todos os libros de novo; poñendo carteis e reorganizandon algúns fondos por temas; estou un pouco canso, sorte que moitas amigas mestras estanme axudando.





Tamén fixen unha circular nova sobre o empréstito que penso que vos será moi útil e interesante e que vos ensinarei mañá. Así que xa sabedes, se queredes saber máis sobre o que estou facendo na BiblioBarouta só tendes que estar atentos ao blog ou achegarte o día 24  de outubro cos teus mestres. Xa sabes, para ir á BiblioBarouta segue as frechiñas laranxas!!!


Boas lecturas!





domingo, 16 de octubre de 2016

The Fantastic Flying Books of Mr Morris Lessmore

Disfrutade da fin de semana con boas lecturas. Eu mentres vos deixo este corto de animación sobre libros tan bonito.


Mañá vos contarei máis do que estou a facer na BiblioBarouta

Boas lecturas!

jueves, 13 de octubre de 2016

A BiblioBarouta abre o 24 de outubro!

Ola rapazada!

Este é o blog da nosa BiblioBarouta. Eu son o trasno enmarañado e estou traballando moito para que estea todo a punto. O 24 de outubro, día das bibliotecas escolares, convídovos a todos e todas a pasar pola BiblioBarouta.


Achégate o 24 de outubro co teu mestre ou mestra á BiblioBarouta!

Boas lecturas!